Programa Electoral Sumar - Galicia 2024

Sumar

Sumar

Electoral Programme

Programa Electoral Sumar - Galicia 2024

78 min read15,480 words

Programa Electoral Sumar - Galicia 2024

Este documento que tes nas túas mans é un proxecto de país para a próxima década. É a Galicia que queremos construír colectivamente para vivirmos mellor. É un programa de goberno ambicioso para cambiar a historia deste país. Fronte a 14 anos de desgoberno, mentiras e manipulacións, asumimos a urxente e imperiosa obriga de converter Galicia nun país a favor, nun referente para facer que as vidas non doan, que sexan mellores. Este é un programa enfocado a construírmos colectivamente benestar, certezas e xustiza social. Un documento que recolle o noso compromiso de poñer en marcha políticas valentes que permitan ás galegas e galegos vivirmos sen angustia e sen temor, que melloren as condicións materiais de vida da cidadanía para sermos máis libres e que aporten certezas democráticas para enfrontar o futuro con esperanza. Un proxecto de país feminista e que sitúa os coidados no centro. Que entende que a xustiza social pasa tamén por coidar e coidarnos, por construír condicións de dignidade colectiva que permitan que cada quen poida desenvolver os seus proxectos de vida en liberdade. En Sumar Galicia queremos gobernar este país. E queremos facelo con ambición, porque construír un país con futuro non é unha tarefa abstracta, senon que pasa por poñer en marcha políticas concretas. Queremos poñer a nosa experiencia de goberno ao servizo das galegas e dos galegos sendo a panca que empurre ao novo goberno da Xunta cara a posta en marcha de políticas públicas útiles e cara a inauguración de novos dereitos de cidadanía que fagan deste un país onde todo o mundo queira vivir, coa tranquilidade de facelo en liberdade.

As galegas e galegos somos brillantes. Galicia é un país brillante. Só precisa dun goberno valente, innovador e comprometido coa transformación política, económica e social que precisamos. Non se trata só de que o goberno do PP nos deixe un país cos servizos públicos privatizados, sen industria, caótico e sen ambición. Tampouco se trata só de pensar o país en grande. Trátase dun compromiso ético e da convicción de que paga a pena construírmos ese futuro mellor. Porque queremos ser vangarda. Queremos transformar a realidade poñendo en valor a Galicia urbana, dinámica e diversa que xa somos. E queremos facelo sen deixar a ninguén atrás. O vindeiro 18 de febreiro, as galegas e galegos temos na nosa man facer posible o que moitos din que é imposible. Xa o fixemos o pasado 23 de xullo, cando derrotamos a barbarie grazas a unha mobilización histórica. E farémolo tamén aquí, no noso país. Este programa electoral foi realizado de maneira participativa a través dun intenso proceso de escoita coa cidadanía, con sectores profesionais, asociacións, sindicatos, inscritos e inscritas; impulsado politicamente pola comisión promotora de Sumar Galicia e vehiculizado a través de cinco grupos de traballo, coordinados por expertas e expertos nas diferentes áreas. O resultado deste proceso permite agora imaxinarmos un futuro mellor. Sabemos que en Galicia xa existe unha maioría progresista. Unha maioría que, se vota o vindeiro 18 de febreiro, fará posible que deixemos de imaxinar ese futuro para pasar a construírmolo desde a Xunta de Galicia. Marta Lois

Un proxecto de país para todas as persoas

Feminismo

O feminismo ten como obxectivo a plena igualdade e define as políticas que propón Sumar Galicia para mellorar a vida de todas as persoas no noso país. Trátase dunha teoría política e dun movemento social que está a demostrar a súa capacidade tanto para mobilizar como para cambiar as estruturas e representacións sociais. É a revolución máis significativa que a nosa sociedade está a vivir no século XXI, capaz de transformar as bases e fundamentos da sociedade na que vivimos. Cremos nun feminismo interseccional, antirracista e anticapacitista, que reforce a súa alianza histórica coa loita do colectivo LGBTIQ+.

1.Galicia Territorio das Mulleres

A perspectiva de xénero que propón o feminismo impregnará toda a nosa acción de goberno, que integrará as cuestións de xénero de maneira transversal. Ampliaremos o orzamento destinado a políticas de igualdade até o 1% das contas públicas galegas e poremos en funcionamento equipos de igualdade en todas as consellerías para incorporar de xeito eficaz a transversalidade en toda a estrutura da administración galega.

2.Creación da Consellería de Igualdade

Para alcanzar a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, crearemos a Consellería de Igualdade para garantir os dereitos de todas as mulleres con independencia da súa orixe, cor de pel, diversidade funcional ou condicións de saúde mental. Unha consellería que marcará o horizonte dunha Galicia inclusiva e diversa onde se garantan os dereitos das persoas LGTBIQ+ e que corrixa os desequilibrios actuais e fomente unha sociedade máis igualitaria.

3.Plan contra as violencias machistas

Desenvolveremos unha planificación integral de políticas para acabar coa violencia machista e, en particular, cos feminicidios e cos delitos sexuais. O obxectivo é acadar unha Galicia libre de violencias machistas. Avaliaremos a eficacia das medidas en vigor e levaremos adiante novas actuacións como o reforzo dos Centros de Información ás Mulleres (CIM), e da Rede de acollemento, aplicando un novo enfoque empoderador e construíndo novas estruturas baseadas nel.

4.Duplicar o orzamento e remodelación dos CIM

En Galicia hai 313 concellos e só 84 Centros de Información á Muller (CIM). Abriremos novos CIM e crearemos unha verdadeira rede que poida chegar a todas as mulleres independentemente de onde residan. Ampliaremos os perfís profesionais que traballan neles de xeito que estén compostos por equipos multidisciplinares que garantan unha atención integral ás mulleres e aos seus fillos e fillas. Ampliaremos o horario de atención para que calquera muller poida recibir axuda no momento que a precise e atender as situacións de emerxencia cando se produzan. Dotarémolos de persoal especializado (xuristas, psicólogas, traballadoras sociais, educadoras sociais e técnicas de igualdade, entre outras) con formación continua en violencia sexual, vicaria e económica. Para todo isto, duplicaremos o seu orzamento ata atanguer os 9 millóns de euros anuais.

5.Reformulación da rede de acollemento

Reformularemos a rede de acollemento para que sexa un servizo que vaia alén dun espazo para vivir con seguridade mentres transcorre a parte máis dura deste proceso na vida das mulleres e das súas fillas e fillos. Ademais desta atención continuada e dunha rede de equipamentos suficientes, é preciso que existan programas de atención integral e acompañamento socioeducativo para mulleres e para menores residentes que favorezan a súa reincorporación á vida plena, polo que se incorporarán outros perfís profesionais que garantan unha atención integral e a cobertura das necesidades.

6.Vivendas de transición para mulleres

Contaremos, no parque de vivenda público, con vivendas de transición á vida autónoma de mulleres vítimas da violencia machista. Para poderen dispor dunha residencia propia na que iniciar unha nova vida ao tempo que dispoñen de servizos de orientación, acompañamento psicolóxico e inserción laboral especializados. A xestión das vivendas poderá ser transferida aos concellos ou deputacións mantendo o financiamento por parte da Xunta de Galicia.

7.Protocolos de actuación contra a violencia machista

Aplicaremos protocolos de actuación diante de casos de violencia machista en todos os organismos públicos e servizos de emerxencias e seguridade. Nesta liña, cos novos protocolos será obrigatorio, por exemplo, incorporar criterios sociais nos partes de intervención para poder detectar con rapidez situacións de vulnerabilidade social. Estes protocolos serán específicos no caso da protección das vítimas da trata que denuncian.

8.Agresións sexuais no ocio nocturno e centros de atención de crise 24 horas

Acordaremos coas Asociacións de Hostalaría e cos colectivos feministas de todo o país un protocolo contra as agresións sexuais no ocio nocturno, no que incluiremos medidas para tornar máis seguros os campus universitarios, o transporte público e outros espazos das cidades e vilas galegas. Colaboraremos cos concellos para que se instalen “puntos lilas” de atención contra as violencias nas festas. Craremos ademais centros de crise de atención integral 24 horas contra a violencia sexual nas sete cidades galegas.

9.Lei Galega de Saúde Sexual e Reprodutiva

Degorraremos a Lei 5/2010 e aprobaremos unha nova Lei Galega de Saúde sexual e reprodutiva, que recuperará a rede de COFs e as funcións e profesionais necesarios, tratando a saúde sexual e reprodutiva das mulleres e non só promovendo o asesoramento aos colectivos mais vulnerables na atención sociosanitaria, con servizos integrais relacionados coa sexualidade desde o punto de vista sociosanitario.

10.Dereito ao aborto e protocolo contra a violencia obstétrica

A través desta nova lei, garantiremos o dereito a abortar na sanidade pública e un protocolo específico contra a violencia obstétrica para facer que se cumpran os dereitos ao bo trato no parto e nacemento e se respecten as decisións das mulleres. Unha lei que amplíe a cobertura da reprodución asistida e reduza as actuais listas de agarda.

11. Acabar coa fenda salarial

O feito de que as mulleres galegas cobren, de media, o 20% menos de salario ca os homes por traballos de equivalente valor, colócaas nunha posición de maior precariedade e vulnerabilidade económica. Asumimos o compromiso coa premisa de igual salario por traballo de igual valor polo que, para rematarmos con esta discriminación laboral das mulleres, impulsaremos iniciativas contra a fenda salarial, como o fomento de plans de igualdade nas empresas.

12.Paridade nos organismos públicos e privados

Garantiremos a paridade nas comisións e organismos públicos ou mixtos, tendendo ao mesmo número de mulleres e homes. Ademáis, aprobaremos unha bonificación no imposto de sociedades para aquelas empresas que, co domicilio social en Galicia, funcionen con consellos de administración que sexan paritarios.

13.Mulleres con voz propia

Levaremos a cabo actuacións dirixidas a garantir a igualdade de oportunidades das mulleres migradas, xitanas e racializadas, promovendo a visibilización e recoñecemento así como medidas para o seu desenvolvemento social, persoal e laboral, que sirvan para compensar as desvantaxes e barreiras que sofren e garantir a igualdade real e efectiva en todos os ámbitos da vida

14.Escolas de empoderamento feminista

Implantaremos unha rede pública de espazos de encontro, empoderamento e traballo comunitario de persoas feministas. Contando con recursos para que os colectivos e organizacións feministas podan facer uso, de xeito libre para a súa actividade. Estas escolas serán un recurso de proximidade para abrir procesos democráticos alentando unha maior participación activa das mulleres; a creación de redes; a mellora da incidencia política para a igualdade e a inclusión das diversidades nos diferentes ámbitos da vida social, cultural e política das mulleres galegas e outros colectivos.

15.Rede de espazos de igualdade

Crearemos unha Rede de Espazos de Igualdade onde se integren as Escolas de empoderamento feminista, as Oficinas de dereitos LGTBIQ+ e os Centros de Información á Muller.

Dereitos LGBTIQ+

O noso compromiso firme coa igualdade en todos os ámbitos só pode entenderse da man dun coidado especial á diversidade identitaria e a disidencia sexual. Consideramos que estas dúas materias non son unicamente compatibles, senón que son indisociables. O informe Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia sinala os obstáculos aos que 1 se deben enfrontar as persoas LGBTIQ+ e indica a necesidade de desenvolver políticas públicas con orzamentos e recursos humanos específicos para contrarrestar esta realidade e camiñar cara á plena igualdade. En Sumar Galicia temos a convicción de que cómpren protocolos, servizos especializados e profesionais que traten esta cuestión desde dous eixos básicos: a escoita e a transversalidade. Cremos que unha política pública con perspectiva LGBTIQ+ só pode desenvolverse dando voz ás identidades diverxentes e disidentes e construíndo unha nova realidade desde todos os ámbitos da vida.

16.Cumprimento da Lei 2/2014 do 14 de abril

A Lei 2/2014 do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia é a norma reitora do respecto á diversidade sexual e debe ser cumprida e dotada de orzamento para ampliar a súa base e o seu alcance. É un mínimo innegociable e debe servir como punto de partida desde o que analizar e integrar novas realidades.

17.Atención á participación pública

Garantiremos a participación das persoas LGBTIQ+ na vida pública de maneira plena. Incrementaremos o financiamento e a cooperación entre organismos para desbordar as áreas de Igualdade e permitir que os dereitos do colectivo sexan respectados de xeito transversal.

18.Respecto á diversidade e representatividade igualitaria na cultura

Promoveremos unha cultura de acordo coa realidade social existente. A construción de referentes culturais é crucial para desenvolver unha vida pública respectuosa coa diversidade: fomentaremos manifestacións culturais con representación do colectivo LGBTIQ+, garantiremos unha perspectiva respectuosa coa diversidade sexual e de xénero, daremos voz á cidadanía para configurar programacións e elaboraremos desde a Consellería de Igualdade análises e guías de boas prácticas para apoiar estas medidas.

19.Ampliación do coñecemento

Motivaremos, financiaremos e daremos espazo a proxectos de investigación centrados en ensanchar a base teórica e as indicacións prácticas relativas ao respecto pola diversidade sexual e de xénero. Traballaremos en colaboración coas universidades para introducir esta perspectiva de maneira transversal nos plans de estudos. Ferrández, D., Latorre, E., Lois, M., López Rey, B., & Vázquez Añel, M. (2023). Análise, datos e recomendacións para 1 o recoñecemento da diversidade en Galicia. Foro Identidades e Diversidades Sexuais 2022/2023 (C. Adán Villamarín, Ed.; 1.a ed.). Consello de Cultura Galega.

20.Salvagarda da memoria

Impulsaremos un centro de documentación dedicado a investigar, arquivar e difundir a historia do colectivo e da súa loita en Galicia, así como experiencias previas de disidencia sexual en todos os ámbitos. Garantiremos seccións específicas sobre temáticas LGBTIQ+ nas bibliotecas públicas de Galicia.

21.Escolas seguras

Crearemos o papel de responsable de diversidade sexual e de xénero en todos os centros educativos, con dedicación e tarefas exclusivas. Garantiremos a elaboración de guías e protocolos que permitan o respecto á diversidade sexual e de xénero nas escolas e que introduzan esta perspectiva nos currículos de todas as etapas educativas. Formaremos o persoal docente para que o respecto ao colectivo LGBTIQ+ sexa un aspecto prioritario para toda a comunidade educativa.

22.Deporte seguro

O ámbito deportivo, así como o do lecer e o da educación, é fundamental para unha formación plena no inicio da vida. Fomentaremos unha oferta deportiva inclusiva e respectuosa cos corpos diversos, traballaremos na adaptación das infraestruturas para respectar todas as realidades e crearemos e promoveremos a aplicación de códigos éticos para neutralizar as violencias en competicións deportivas públicas e privadas. Traballaremos na actualización da Lei 3/2012, do deporte en Galicia, para incluír aspectos LGBTIQ+.

23.Compromiso coa diversidade na sanidade e os coidados públicos

Crearemos e poremos en marcha protocolos sanitarios específicos para o colectivo LGBTIQ+. Colaboraremos na reforma do sistema sanitario público para humanizar os coidados de saúde: maior empatía, menor medicalización, maior perspectiva comunitaria e maior atención á saúde mental. Estes cambios deberán ir da man da concienciación da cidadanía, polo que realizaremos campañas de sensibilización e divulgación da diversidade sexual desde o punto de vista sanitario. Os coidados públicos non se extinguen no ámbito sanitario: elaboraremos mapas de recursos, guías de actuación e protocolos para que a cidadanía saiba onde acudir cando sexa preciso. Incorporaremos a perspectiva da identidade e a disidencia sexual nos centros de día e nas residencias de maiores. Traballaremos, ademais, en actualizar a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

24.Respecto á diversidade no mundo do traballo

O ámbito laboral é protagonista dunha gran parte do noso tempo de vida adulta. Os lugares, presenciais e telemáticos, do traballo precisan dunha revisión total das situacións de discriminación e de desatención dos dereitos LGBTIQ+ para garantir espazos seguros. Nesta liña promoveremos a colaboración de sindicatos, asociacións e colectivos LGBTIQ+ para favorecer a sensibilización sobre a diversidade sexual e de xénero no traballo. Elaboraremos protocolos que teñan en conta a transfobia no ámbito laboral e as violencias de acoso sexual no traballo e faremos que se nutran deles os convenios sectoriais e as guías de boas prácticas. Crearemos un apartado de denuncias por discriminacións e acoso LGBTIQ+ na Dirección Xeral de Relacións Laborais.

25.Plan contra a violencia

Elaboraremos un plan de formación para profesionais que interveñen na detección, denuncia, acompañamento e restauración dunha persoa que sofre violencias relacionadas coa diversidade sexual e de xénero. Construiremos guías, mapas de recursos e protocolos de actuación ante a denuncia dos delitos de odio contra o colectivo LGBTIQ+. Artellaremos un plan galego de prevención e acompañamento contra a violencia e dotaremos de orzamento e recursos os axentes implicados no mesmo.

Políticas sociais

Galicia merece un novo modelo de políticas sociais que coide e atenda as necesidades reais da súa xente. Os catorce anos de goberno do Partido Popular supuxeron un retroceso nas políticas sociais deste país, sobre todo tendo en conta que sufrimos unha crise que deixou a milleiros de galegas e galegos nunha situación insostible que o modelo de política social non foi capaz de afrontar. Reclamamos o noso dereito como cidadanía a un sistema de protección social galego inclusivo, garantista e que sirva para xerar as estruturas básicas da igualdade social.

26.Renda Galega de Garantía

En Galicia case o 25% das persoas están en situación de pobreza ou risco de exclusión social. Esta cifra increméntase cando falamos de mulleres, infancia e mocidade. Precisamos de ferramentas innovadoras e eficaces de loita contra a pobreza e a exlusión social que permitan ter uns ingresos suficientes para facer fronte aos gastos básicos de subsistencia e levar unha vida digna. Poremos en marcha unha Renda Galega de Garantía (RGG) que substituirá a actual RISGA, incrementando o seu orzamento e a contía das axudas, especialmente o tramo correspondente a fillos e fillas a cargo e o tramo monoparental. Reforzarase o persoal administrativo para evitar atrasos na tramitación de expedientes e simplificarase a tramitación, facéndoa máis accesible a persoas e familias ata agora excluídas da RISGA. Esta RGG establecerase como un novo dereito que supere as lóxicas das prestacións e servizos existentes baseadas nun asistencialismo anacrónico. Compatibilizarase co Ingreso Mínimo Vital de carácter estatal, do cal solicitaremos a xestión directa, incrementando a súa contía ata chegar ao 70% do salario mínimo interprofesional, o que suporía actualmente un importe de case 800€, achegándonos así ás indicacións do Comité Europeo de Dereitos Sociais en relación ás remuneracións suficientes para garantir un nivel de vida digno. Esta contía inicial irá incrementándose segundo o número de membros da unidade familiar e persoas a cargo.

27.Emerxencia social e pobreza

Impulsaremos unha nova Lei de Políticas Sociais que sexa realmente transformadora e que se fundamente no recoñecemento do dereito subxectivo e universal das prestacións, de xestión pública directa prioritaria. Incluiremos tamén, nesta nova lei, unha maior autonomía para que os concellos poidan aplicar medidas de emerxencia social dun xeito máis áxil e eficaz.

28.Máis fondos do Plan Social contra a Desigualdade

Duplicaremos a dotación orzamentaria do Plan Social contra a Desigualdade que na actualidade é só de 20 millóns de euros, e melloraremos a súa programación, obxectivos e contidos en relación á cooperación internacional ao desenvolvemento, á loita contra as desigualdades e a favor da xustiza social; tamén no eido do comercio xusto, da loita contra o cambio climático e da defensa da igualdade de xénero.

29.Plan Integral de atención ás persoas sen fogar

Deseñaremos unha estratexia galega de atención a persoas sen fogar e transeúntes, que garanta a coordinación e corresponsabilidade entre a administración autonómica e as administracións locais e tamén coas entidades sociais que traballan neste ámbito. Na liña de garantir a dignidade de todas as persoas, previa consulta cos órganos colexiados correspondentes, cortaremos toda colaboración con aquelas entidades que mostren unha actuación pouco ética e irresponsable diante desta problemática. En colaboración cos concellos e deputacións dotaremos de centros de baixa esixencia ás sete grandes cidades galegas, e habilitaremos vivendas públicas tanto para uso comunitario, segundo o modelo Housing Lead, como para housing firts, unha metodoloxía de intervención social que racha co modelo de atención tradicional en escaleira e proporciona ás persoas en situación de senfogarismo unha vivenda individual, estable e independente, con apoio profesional en función das súas necesidades e demandas.

30. Control de calidade dos servizos sociais

Consideramos imprescindible a creación dun Instituto de Innovación e Investigación en Servizos Sociais que se dedique a avaliar as políticas públicas do sector e a elaborar propostas de mellora contando sempre cos colectivos implicados. É necesario fortalecer e dotar de maiores recursos e persoal de atención aos servizos sociais comunitarios e especializados e poñer en funcionamento mecanismos de colaboración e coordinación interadministrativa que permitan a simplificación da burocracia e garantan o acceso de toda a poboación.

31.Diversidade funcional

Impulsaremos unha nova Lei reguladora da asistencia persoal para garantir o dereito humano das persoas con diversidade funcional a vivir en Galicia de maneira independente. Incrementaremos os recursos e servizos de promoción da autonomía persoal e atención á diversidade funcional en detrimento da institucionalización residencial, potenciando a vida independente de todas as persoas con diversidade funcional, adultas e crianzas, cos apoios necesarios.

32.Oficinas de vida independente

Poñeremos en funcionamento unha rede de Oficinas de vida independente que terán por finalidade facilitar e acompañar os procesos de autonomía persoal e participación social de persoas con diversidade funcional ofrecendo información e apoio a estas persoas e ás súas familias.

33.Fondo Público de Promoción da Accesibilidade Universal

Elaboraremos un Plan de Accesibilidade Universal para o que crearemos un fondo dotado co 1,5% dos orzamentos que se dediquen a garantir a accesibilidade universal en todos os ámbitos da vida: infraestruturas, axenda urbana, mobilidade e transportes en cada administración (autonómica e local), así como a transformación dixital e telecomunicacións, e que sirva para financiar iniciativas, programas e proxectos de accesibilidade universal.

34.Recoñecemento institucional da comunidade xitana

Recoñeceremos institucionalmente á comunidade xitana e promocionaremos a súa participación, poñendo en valor a súa historia e a súa cultura, e xerando as condicións para unha participación plena das persoas xitanas nas distintas esferas da sociedade. Levaremos a cabo un plan de erradicación do chabolismo, facilitando alternativas de vivenda dignas. Reforzaremos os programas destinados a garantir a igualdade de oportunidades educativas na infancia e na adolescencia previndo o abandono escolar e promovendo a continuidade dos estudos tras finalizar a educación obrigatoria. Promoveremos o acceso ao emprego en colaboración coas entidades especializadas e o tecido empresarial, poñendo especial atención no acceso ao emprego das mulleres xitanas.

Familia e infancia

O xeito no que hoxe tratamos a infancia define como somos como país e como será o noso futuro. O goberno ten que garantir unha eficaz protección dos dereitos da infancia e da súas familias. A crianza hoxe en día é complexa e enfróntase a dificultades derivadas das extensas xornadas laborais, das dificultades de conciliación da vida laboral e familiar e dos procesos de rápida transformación tecnolóxica e cultural que estamos vivindo. Trátase de problemas complexos conectados coa crise de coidados e coa invisibilización do traballo reprodutivo que realizan maioritariamente as mulleres. Galicia é unhas das comunidades máis avellentadas, os datos non fan máis que confirmar a caída da natalidade. Vivimos unha crise demográfica que xa non é só un problema no rural, senón tamén nas cidades. As políticas sociais deben responder a estes desafíos e ás novas realidades familiares.

35.Lei de Infancia e Adolescencia

Galicia é a única comunidade autónoma que non ten unha lei propia de infancia. Construiremos unha Galicia da infancia e da adolescencia e para isto ampliaremos a lexislación existente para mellorar o marco normativo sobre protección da infancia na comunidade a través do consenso e a participación de todos os sectores. Un novo marco legal co fin de avanzar na promoción e protección dos dereitos das e dos menores, incluíndo o estipulado nos acordos internacionais co fin de reforzar as políticas relacionadas coa infancia e a adolescencia, colocando no epicentro de todas as decisións o interese superior dos nenos, nenas e adolescentes. Integrará o bo trato como principio e desenvolverá medidas para a promoción, prevención e intervención en situacións perxudiciais para o desenvolvemento, quer en casos de violencia quer de desprotección no ámbito familiar. Reforzará un sistema integral que aborde todos os aspectos da vida dos nenos, nenas e adolescentes e será a base para que o deseño de todas as políticas teña en conta o impacto na infancia. A lei contemplará tamén o desenvolvemento de mecanismos eficientes de participación para que as nenas, nenos e adolescentes teñan voz propia e participen dos procesos de toma de decisións sobre as cuestións que lles afectan a través do Consello Galego da Infancia e a Adolescencia.

36.Benestar infantil nos centros educativos

Aplicaremos a Lei Orgánica de protección integral da infancia e da adolescencia contra a violencia, desenvolvendo e profesionalizando a figura da coordinación de benestar nos centros educativos. Incorporaremos novos perfís especializados na atención socioeducativa, sen sobrecargar máis ao profesorado. Entendemos a contorna educativa como o espazo privilexiado onde poder atender as necesidades de nenos, nenas e adolescentes e dar unha resposta socioeducativa á diversidade do alumnado e ás diferentes realidades e necesidades de tipo social, cultural, relacional ou emocional.

37.Sistema de protección de menores

Reverteremos a dinámica actual de desmantelamento deste servizo derivada da privatización dos centros públicos de protección e reeducación da Xunta. Incrementaremos o persoal das xefaturas territoriais dos equipos técnicos do menor e levaremos a cabo unha inspección eficaz dos centros privatizados e financiados con fondos públicos, tanto das condicións de benestar das menores como das condicións laborais das traballadoras e traballadores. Poñeremos en marcha políticas para que o acollemento familiar sexa a medida de protección preferente, garantido os dereitos dos nenos e nenas a medrar en familia. Para isto incrementaremos as axudas e servizos de acompañamento para as familias acolledoras. Ampliaremos os servizos de acompañamento aos menores tutelados asegurando o acceso a vivendas de transición á vida autónoma para aqueles menores que cumpren a maioría de idade e saen do sistema de protección e fortaleceremos os programas de apoio e autonomía persoal para a súa emancipación, poñendo especial atención nos menores migrados sen acompañamento familiar, por ser un grupo especialmente vulnerable pola situación propia da migración, da situación de desarraigamento que esta xenera e falta de redes de apoio familiar ou informal.

38.Plan de Apoio ás familias monoparentais

Unha de cada catro familias galegas é monoparental. A metade destas están en situación de pobreza e o 82% están encabezadas por unha muller. Desenvolveremos un plan de apoio para as familias monoparentais, cumprindo así o establecido na normativa vixente. Darémoslle o mesmo tratamento fiscal que ás familias numerosas a través da aplicación, entre outras, de deducións fiscais, bonificacións e exencións nas taxas tributarias e no tramo autonómico do IRPF que veñen recollidos na Lei de acompañamento aos orzamentos públicos da Xunta de Galicia, así como a preferencia para os diferentes servizos públicos ou no acceso á vivenda.

39.Comedores escolares gratuitos e saudables

Impulsaremos o acceso ao comedor escolar saudable e gratuíto como unha das chaves para atanguer a equidade e previr a pobreza e a exclusión social, así como un xeito de garantir os dereitos da infancia. Implementaremos a gratuidade dos comedores escolares dos centros públicos, garantindo unha alimentación saudable e de proximidade para toda a infancia, considerando o comedor como un espazo educativo onde educar para a saúde e previr a aparición de trastornos da conduta alimentaria.

40.Rede Galega de Atención Temperá

Incrementaremos o número de centros públicos de atención temperá para que poidan ser un servizo de proximidade que chegue ao 100% da poboación infantil e ás súas familias, eliminando a actual lista de agarda. A atención temperá é un servizo fundamental para favorecer o desenvolvemento físico, cognitivo, emocional e social, sentando as bases para un crecemento saudable e maximizando o potencial da infancia en etapas cruciais do seu desenvolvemento. Na actualidade o número de centros públicos é insuficiente, xerando listas de agarda e privando deste servizo á poboación infantil en idades tan sensibles e decisorias como é a etapa dos 0 aos 6 anos.

Coidados

Os coidados son o sostén de toda a sociedade, son parte fundamental do benestar individual e colectivo e non poden nin deben quedar relegados á esfera persoal e ás decisións individuais. Entendemos os coidados como un “terceiro pé” do Estado do Benestar que, ao igual que a sanidade e a educación, deben ser universais e estar garantidos desde o público. Apostamos polo dereito colectivo aos coidados, é dicir, o dereito de cada persoa de dar e recibir coidados ao longo de toda a súa vida. Para iso reformularemos o actual sistema recoñecendo e democratizando as tarefas de coidado e rematando coa división sexual e racista do traballo dos coidados. Actualmente a Xunta de Galicia é o segundo goberno autonómico que menos inviste en dependencia e en consecuencia temos no país un déficit de 14.000 prazas en residencias de maiores. Dos servizos existentes só o 49% das residencias son de xestión pública, o 51% restante está en mans privadas. A día de hoxe a Xunta non está construíndo novas residencias e as listas de agarda no 2023 no sistema de dependencia chegaron a ser de case 2000 persoas. No caso das escolas infantís de 0-3 anos, Galicia dispón de 30.000 prazas para 50.000 nenas e nenos. Alén deste desmantelamento dos servizos públicos,

Programa Electoral Sumar - Galicia 2024

Ensino Universitario

asto por alumno universitario en España segundo os datos que recollen os informes da OCDE é inferior entre un 20 e un 30% ao gasto medio dos países da OCDE, chegando a unha diferencia de entre o 50 e o 80% cando nos medimos cos países mais avanzados como pode ser o caso de Noruega. Destinaremos un mínimo do 1,5% do PIB á educación universitaria pública, superando amplamente o previsto no artigo 55 da LOSU. Para garantilo, haberá que dispoñer as medidas que correspondan a través dos orzamentos do goberno galego e reclamar o propio do goberno do Estado.

Garantía de financiamento universitario

En liña coa medida anterior, garantiremos un plan de financiamento para as Universidades que estableza uns fondos estruturais e fixos en lugar das achegas por convenios específicos, porque moitos deles cobren, precisamente, necesidades estruturais ligados á docencia e ao bo funcionamento das universidades. Incorporaremos a estes plans plurianuais un financiamento específico da actividade investigadora, que permita superar un modelo baseado no financiamento temporal dos proxectos, e que dote da necesaria estabilidade a investigadores, equipos e estruturas de investigación.

Custe cero nas primeiras matrículas en graos e mestrados

Compromiso de gratuidade dos prezos públicos en graos e mestrados, na primeira matricula, e compensación ás universidades para evitar que a mingua de ingresos limite a súa competitividade.

Bolsas de estudo

Fomentaremos unha política de bolsas que apoie o estudantado con menos recursos e que reteña e atraia talento ao Sistema Universitario Galego, fundamentalmente, no nivel de posgrao. Estableceremos liñas específicas de axudas para facilitar a mobilidade e dirixirémolas ás familias con baixos ingresos. Reforzaremos as bolsas no nivel de grao, que se concederán segundo criterios de renda e distancia do lugar de residencia. Financiaremos dun xeito adecuado os títulos de mestrado, coa posibilidade de establecer un programa de bolsas específico.

Residencias e comedores universitarios

Conxuntamente coas universidades, elaboraremos un plan para financiar a dotación de comedores universitarios, a prezos razoables, así como, para ampliar as prazas nas residencias universitarias de xestión pública.

Recuperar o talento investigador

Impulsaremos o plan “Recupera Talento” para fomentar políticas públicas de captación e retención de talento con obxectivo de facilitar o retorno do persoal investigador de recoñecido prestixio e de orixe galega disperso polas universidades do mundo, para a súa incorporación ás universidades, centros tecnolóxicos e de investigación e empresas galegas. O obxectivo deste plan será conseguir a recuperación de 1.000 profesionais durante toda a lexislatura.

Transferencia e Valorización do Coñecemento

Estudaremos a necesidade de desenvolver formulas xurídicas ou de xestión que incrementen a autonomía dos centros de investigación, sen que estes perdan o seu carácter eminentemente universitario. Desenvolvermos un plan de apoio aos centros de investigación que permita que estes, unha vez acaden unha masa crítica suficiente, conten cos recursos necesarios para a súa consolidación. Os centros de investigación téñense demostrado como as estruturas idóneas para desenvolver políticas de captación e retención de talento, por iso estableceremos un marco estable que permita o desenvolvemento de políticas ambiciosas de xeración de coñecemento. Nesta liña, elaboraremos un Plan Estratéxico de Transferencia e Valorización do Coñecemento xerado nas universidades e centros de investigación.

Potenciación do Consorcio Interuniversitario de Galicia

Potenciaremos o Consorcio Interuniversitario como medio óptimo para dotar a Galicia de equipamento estratéxico de alto custo a disposición de toda a comunidade científica, o que dará un importante pulo a liñas de investigación en campos de grande potencial. Moitos dos equipamentos precisos para desenvolver ciencia de vangarda son moi custosos o que fai case imposible que unha única universidade poda rendibilizar a súa adquisición.

Freo á privatización da Universidade

Reverteremos as actuais dinámicas privatizadoras do goberno galego e aplicaremos un maior rigor na vixilancia do cumprimento de requisitos para o funcionamento das universidades privadas. Acabaremos coa notoria asimetría no referido ao trato que reciben as universidades públicas e as privadas por parte da administración galega, tanto nos procesos de autorización de novas titulacións como no referido á cualificación do profesorado.

Máis persoal técnico e avaliación das necesidades humanas

Avaliaremos as necesidades de persoal e a modificación das Relacións de Postos de Traballo de cara a que a administración conte cos recursos humanos suficientes, tanto en número como en cualificación especializada, para desenvolver as políticas necesarias sen depender da subcontratación de servizos. Garantiremos que as estruturas que desde a Xunta de Galicia xestionan os recursos de I+D, Secretaría Xeral de Universidades e Axencia Galega de Innovación, GAIN, non continúen infradotadas en canto a persoal técnico.

Relacións coas Universidades da Lusofonía

Incluiremos entre as prioridades da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal a potenciación das relacións entre as universidades e centros de ensino superior de ambos países. Potenciaremos os instrumentos xa existentes como é o caso da Fundación CEER, integrada polas universidades galegas e do Norte de Portugal, como panca para mellorar a participación nas convocatorias europeas de financiamento de proxectos de I+D. É necesario tamén, impulsar unha maior colaboración no uso de infraestruturas científicas singulares que existen nas dúas marxes do Miño.

Plan de renovación do profesorado

De forma consensuada coas tres universidades públicas e respectando a autonomía universitaria, impulsaremos un plan de “Transición Xeracional”, que facilite a renovación de persoal recollendo o compromiso da administración autonómica de proporcionar recursos e eliminar atrancos, incentivando a formación de persoal investigador así como mediante accións de captación de talento internacional e políticas de retorno de persoal investigador formado en Galicia. Apoiaremos o deseño dunha carreira investigadora o suficientemente atractiva, así como o desenvolvemento de figuras investigadoras e docentes contempladas na nova Lei Orgánica do Sistema Universitario.

Captación de recursos europeos

Desenvolveremos un plan de acción que permita poñer en marcha os mecanismos precisos para incrementar a participación galega no programa marco “Horizonte Europa” de I+D. Coa participación das universidades galegas e os centros de investigación, realizaremos unha avaliación profunda da participación neste programa e noutros programas de financiamento de I+D da Unión Europea.

Deportes

O deporte é, e debe ser, sinónimo de saúde e benestar persoal e social. Por iso, é necesario promover “ecosistemas saudables” que favorezan o traballo multidisciplinar e ofrezan calidade, seguridade e control para as persoas practicantes, garantindo a profesionalidade das persoas que traballen no sector. A día de hoxe non podemos máis que recoñecer os beneficios físicos e psicolóxicos da práctica deportiva e da actividade física en todos os sectores de poboación. Resulta fundamental realizar campañas, nos medios de comunicación e nas redes sociais, de promoción de hábitos e vida sa, combater o sedentarismo, loitar contra a obesidade infantil e xuvenil e impulsar a vida activa. O talento deportivo non pode ser a única condición para a práctica deportiva. Trátase de promover o deporte entre todas as persoas. As partidas orzamentarias de deportes deben incrementarse até o 0,5% do orzamento da Xunta de Galicia. É necesario facer fincapé na urxente necesidade social que temos de dar saída e solución ás problemáticas de xénero que existen no deporte e na educación física. Un problema que comeza nas etapas máis temperás da vida e que continúa entorpecendo o desenvolvemento e a formación das mozas galegas. Así, este programa trata de manter o noso compromiso con medidas transversais que incidan en todas as categorías que se desenvolven no mesmo. O deporte de competición é un sistema de ensinanza-aprendizaxe no que alén dos resultados debe transcender o esforzo, a perseveranza e o obxectivo de mellora persoal. A supervisión e control do contido das prácticas deportivas, por parte dos responsables, como as adestradoras e adestradores, constituen a mellor garantía de que o deporte, sexa cal sexa a forma de realización que adopte, siga unha ordenación que permita a súa execución do xeito máis eficiente posible.

Lei Galega do Deporte, con perspectiva feminista

Impulsaremos unha Lei de Igualdade no deporte que recolla o dereito de toda a cidadanía a coñecer e a practicar deporte de forma libre, voluntaria e sen discriminación de ningún tipo. Potenciaremos a participación das mulleres en todos os ámbitos da actividade deportiva. Aumentaremos as subvencións a clubs exclusivamente femininos, sen perder de vista os que potencian a súa sección feminina. Integraremos a dimensión da igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes e evitarase calquera elemento de discriminación directa ou indirecta. Faremos unha diagnose sobre a situación das mulleres no deporte e elaboraremos protocolos dirixidos a loitar contra os abusos e a violencia sexual así como garantir a protección dos menores

Práctica deportiva ao longo da vida

Desenvolveremos programas específicos de fomento da práctica deportiva ao longo da vida e un plan específico de actividades físicas para acompañar un avellentamento saudable. Impulsaremos o desenvolvemento do deporte en idade escolar, coa inclusión diversa e efectiva, nos programas de actividades extraescolares, de actividades de adestramento e participación en competicións deportivas intercentros. Desenvolveremos campañas en medios de comunicación e espazos educativos para fomentar hábitos de vida saudable das crianzas cos que combater o sedentarismo e a obesidade infantil e xuvenil e impulsar a vida activa, así como, campañas deportivas nas escolas, para achegar aos distintos clubs e entidades que existen nas cidades. É fundamental xerar adherencia a hábitos saudables desde as primeiras idades.

Práctica deportiva transversal e saudable

Promoveremos actividades deportivas nocturnas dirixidas á poboación máis nova, con eventos deportivos que resulten nun ocio saudable e alternativo e como medida de prevención do abuso de pantallas e do xogo entre adolescentes. Recuperaremos a actividade deportiva nas universidades públicas galegas, como difusoras de deportes (especialmente os minoritarios) a través de convenios e acordos coas mesmas. Desenvolveremos coa colaboración do servizo galego de saúde e os servizos deportivos públicos e privados un sistema que permita facer efectiva a prescrición de exercicio físico na prevención e tratamento de patoloxías crónicas asociadas ao sedentarismo.

Bonificación da práctica deportiva

Bonificaremos a práctica deportiva para as familias con escasos recursos e fomentarmos as prácticas deportivas para as persoas con diversidade funcional. Debemos ter a ambición de apostar por un novo marco deportivo. Nesta dirección, aplicaremos o concepto de “inclusión social” como elemento transversal e vertebrador dunha sociedade cohesionada, tamén a través do deporte, implicando para iso ás entidades e institucións que traballan nese ámbito e desenvolveremos accións dirixidas a promocionar o deporte entre as persoas en situación de vulnerabilidade; en especial, entre persoas con diversidade funcional.

Reforzo á profesionalización do deporte

Regularemos as prácticas vencelladas á práctica de actividade física e do deporte: educación física, ocio e turismo activo, exercicio físico, preparación física, readaptación e adestramento deportivo. Ampliaremos a oferta de titulacións oficiais de técnicos deportivos de grao medio e grao superior en centros públicos e potenciaremos a formación e presenza de adestradoras, aumentando a posibilidade de formación a través de bolsas e beneficios fiscais para os clubs que teñan adestradoras. Melloraremos a calidade dos servizos e dos programas de tecnificación deportiva e dos programas de alto rendemento deportivo que se implementan na actualidade no Comité Galego de Xustiza Deportiva e impulsaremos a capacidade de xestión das federacións deportivas e dos clubs deportivos galegos, en particular, para mellorar a dixitalización dos seus procesos e favorecer a profesionalización das persoas colaboradoras.

Control das axudas públicas ao deporte

Exerceremos un control rigoroso do emprego das axudas públicas dentro dos clubs para asegurar un aproveitamento adecuado das mesmas para os fins aos que están destinados. O obxectivo deste control será o de manter actualizada a capacidade técnica e metodolóxica dos clubs, dos seus adestradores e adestradoras e mellorar a capacidade de captación de recursos económicos e financeiros que sosteñan de xeito eficiente estas organizacións.

Mellora das infraestruturas deportivas

Reformaremos e construiremos infraestruturas deportivas esenciais, para dispoñer de material e equipamento deportivo básico, e facilitar a súa creación en contornos naturais con posibilidade de práctica deportiva, respectando sempre o medio ambiente. Nas instalacións deportivas de titularidade pública implementaremos modelos eficientes de xestión directa. Promoveremos convenios cos concellos onde existe déficit de instalacións para a práctica deportiva.

Fomento de eventos deportivos

Impulsaremos a organización de eventos deportivos con impacto positivo real nas economías locais, como ferramentas de promoción turística. Debe considerarse medida estratéxica para Galicia o desenvolvemento dos deportes náuticos e dos deportes na natureza. Asemade, é necesario facilitar a participación en competicións internacionais de deportistas, equipos ou seleccións en representación de Galicia.

Emprego

A falta de emprego é causa da exclusión social, tamén da migración do rural ao urbano e da perda de poboación activa en Galicia cara outros territorios. Pero non só queremos emprego, queremos un emprego que mellore as condicións de vida e traballo das galegas e galegos. Galicia precisa políticas de emprego baseadas nunha mellor análise da realidade socioeconómica do noso país, pactadas cos axentes económicos e sociais dos diferentes territorios que o articulan e que permitan modelos de intervención no mercado laboral de medio e longo prazo. Imos mudar as políticas activas de emprego (PAE) para convertelas en instrumentos reais de recolocación, formación e inserción no mercado de traballo das persoas novas e das desempregadas, pero tamén como peza imprescindible dunha mellor redistribución territorial, da nosa estratexia de loita contra a pobreza e a exclusión social e dunha reducción da segmentación horizontal estereotipada do contexto sociolaboral galego. No centro do modelo situaremos as persoas para facilitarlles o adquirir ao longo de toda a súa vida laboral as habilidades para a vida, máis alá das formacións para o emprego tradicionais, traballando as vertentes persoais, sociais, formativas e laborais. O obxectivo é o dun emprego estable, xusto e de calidade.

Nova Lei de emprego de Galicia

Impulsaremos unha nova Lei de Emprego galega que garanta o dereito subxectivo á empregabilidade, colocando ás persoas no centro das políticas activas de emprego e garantindo o seu dereito a dispor dunha carteira de servizos de orientación, formación, mediación e acompañamento adecuados a cada persoa. Unha lei que estableza o marco de ordenación das políticas públicas de emprego e regule o Servizo Público de Emprego de Galicia como organismo autónomo.

Redución da taxa de paro por baixo do 7% na lexislatura

Desenvolveremos unha Estratexia para o Emprego acordada na Mesa Galega polo Emprego nos primeiros 3 meses de goberno, poñendo este obxectivo no centro da nosa política económica co impulso da reindustrialización do país e as políticas activas de emprego (PAE).

Políticas activas de emprego

Apostaremos por unhas políticas activas de emprego (PAE) directamente conectadas coas necesidades do noso tecido económico e cos plans de reindustrialización comarcais. Así mesmo, estableceremos estándares que garantan a calidade do emprego creado polas PAE, garantiremos o acceso á formación en competencias clave e estratéxicas, para situar a Galicia á fronte das transicións verde e dixital. Tamén garantiremos o dereito á formación continua ao longo da vida laboral e faremos seguimento dos resultados das PAE, mediante a dación de contas dos seus resultados na mesa de diálogo social e elevando o informe de conclusións ao Parlamento galego. Garantiremos a coordenación das mesmas cos servizos sociais, asumindo a responsabilidade compartida da inserción sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusion social.

Lei de Diálogo Social

Aprobaremos unha Lei de Diálogo Social que configurará responsabilidades, medios e procedementos que comprometan ao Goberno autonómico co diálogo, a negociación e a consulta aos interlocutores sociais posto que entendemos o diálogo social como ferramenta esencial na configuración das medidas do ámbito laboral.

Novo pulo aos Centros Integrados de Formación Profesional

Melloraremos o financiamento dos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) promovendo a súa especialización e facilitando a creación de vínculos permanentes cos distintos sectores representativos en cada comarca. Para que as persoas acaden a mellor formación para desenvolverse profesionalmente e poidan traballar na súa comarca, contribuíndo a fixar a poboación máis moza ao territorio.

Formación profesional dual intensiva.

Incentivaremos e fomentaremos a Formación Profesional Dual intensiva promovendo a laboralización das prácticas profesionais nas empresas, cun incentivo de 3.000 euros por alumna ou alumno.

Pactos locais e comarcais polo emprego

Priorizaremos a incorporación das entidades locais nas políticas activas de emprego axudando a definir e financiar Plans Locais e Comarcais de Emprego que dean respostas de proximidade a situacións específicas en cada territorio, con programacións a medio e longo prazo que financiaremos a través de contratos programas que garantan ademais a estabilidade dos servizos de acompañamento as persoas en busca de emprego no territorio.

Reforma integral do Servizo Público de Emprego de Galicia

Reformularemos de xeito integral o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) apoiando a reinserción das desempregadas e desempregados, recoñecendo as súas competencias, formando e orientando, modificando a súa estrutura orgánica e funcional e reforzando o seu carácter publico. Recuperaremos, en colaboración co tecido universitario galego, a súa capacidade de prospección, mellorando a coordinación co SEPE, adaptándoo a persoas con diversidade funcional e garantindo a accesibilidade universal a todos os edificios e instalacións públicas.

Seguridade e saúde laboral

Melloraremos a seguridade e a saúde laboral, ampliando os sistemas de detección de enfermidades profesionais a través dos servizos públicos de sanidade e investindo na investigación dos accidentes laborais para elaborar plans de prevención de riscos laborais específicos para cada sector.

Bonos de transporte para os desprazamentos profesionais

Estenderemos na rede autoestradas de peaxe galegas bonos profesionais-laborais que eximan dos custos da mobilidade recorrente polas vías de alta capacidade as traballadoras e traballadores que non teñan medios alternativos que permitan o seu desprazamento en transporte colectivo en tempo e horas adecuado.

Protección de emprego en sectores vulnerables

Despregaremos, con carácter estrutural, programas de intervención e apoio público orientado a protexer o emprego, as capacidades produtivas e a posición de mercado, en sectores produtivos que se vexan impactados por situacións coxunturais que os poñan en risco ou estado de shock. Impulsaremos as formas de economía social para favorecer a permanencia das nosas empresas en Galicia e a súa xestión por parte das súas traballadoras e traballadores.

Cualificación profesional para a economía social e circular

Promoveremos plans de formación e cualificación pensados para capacitar e dotar de habilidades relacionados coa sostibilidade, a economía social e os coidados. Deste xeito, as persoas desempregadas terán a posibilidade de reconducir a súa vida laboral adquirindo destrezas que lles permitirán empregarse en sectores que maximizan o benestar da cidadanía, en modelos de traballo por conta allea ou a través da creación de empresas de economía social. Impulsaremos programas de formación continua para fomentar a profesionalización en sectores coma o da dependencia, acompañando o seu tránsito ao mercado formal de traballo.

Un novo sistema de prácticas en empresas e institucións

Estableceremos a obrigatoriedade das prácticas remuneradas con remuneracións equiparadas ao SMI que protexan as persoas en prácticas, eviten a sustitución de persoal traballador por estudantado e rematen con dinámicas que contribúen a dificultar que as persoas mozas accedan a un contrato estable. Priorizaremos a formalización de contratos en formación de prácticas como sistema preferente de adquisición de formación en contornas laborais, favorecendo a transformación dos programas de prácticas en empresas dos diferentes ámbitos do sector público para esta modalidade.

Equipas galegas da promoción da igualdade nas empresas (EGI)

Crearemos as equipas galegas da promoción da igualdad nas empresas (EGI), instrumento para promover un mellor cumprimento da normativa en materia de igualdade na materia laboral e colaborar na implantación e desenvolvemento de plans de emprego e igualdade nas empresas galegas, así como a prevención do acoso sexual e de xénero no traballo. Estas equipas estarán conformadas por un integrante por cada un dos sindicatos máis representativos de Galicia e un por parte da CEG, terán as atribucións necesarias para poder exercer as súas funcións, incluída á relativa á visita aos centros de traballo e empresas, dotaranse do seu propio regulamento a través dos instrumentos propios da negociación colectiva e terán garantidos os recursos e medios necesarios.

Plan de choque contra a siniestralidade laboral

Proporemos un Plan de Choque, co obxectivo de reducir a sinistralidade laboral, en colaboración coa Inspección de Traballo, as mutuas colaboradoras da seguridade social, as organizacións sindicais e patronais e diversos actores da sociedade civil. Galicia rexistrou no 2023 o maior incremento da sinistralidade laboral dentro do Estado, tanto en accidentes de traballo -uns 27% máis no último ano- como in itinere, que aumentaron uns 53% ao ano. Este dato supón 256 accidentes por cada 100.000 persoas traballadoras, o segundo maior crecemento das comunidades autónomas no último trimestre e o máis alto con respecto a 2022, un 27% en ámbolos dous casos.

Inclusión sociolaboral e convocatorias específicas para ONGs

Reforzaremos a presenza de programas executados por ONGs especializadas no traballo con colectivos desfavorecidos promovendo a plurianualidade dos seus Puntos para o Emprego e Programas Integrados de Emprego. Actualmente as persoas en situación administrativa irregular, traballadoras empobrecidas, persoas racializadas, vítimas de prostitución ou trata, afectadas pola fenda dixital, etc son colectivos que apenas teñen acceso a programas de inclusión sociolaboral.

Máis emprego público e máis estable

Acadaremos a porcentaxe europea de emprego público para crear máis emprego público e máis estable. O sector público en Galicia ten un tamaño moi cativo comparado co dos demáis países de Europa. Apostaremos pola estabilidade no emprego para mellorar a calidade dos servizos públicos reducindo a taxa de temporalidade do 33% actual ao 8% con ofertas públicas de emprego, especialmente na sanidade, o ensino, os servizos de emerxencia e a dependencia que teñan en conta ademais a xeración cunha xubilación próxima, sendo 1 de cada 3 persoas empregadas públicas nunha media de idade dos 50 anos.

Economía social

Entendemos a economía social como un modelo económico clave para a transformación da nosa economía pola súa capacidade para xerar emprego digno, pola súa resiliencia ante shocks económicos, a súa capacidade para contribuír á transición enerxética, verde e dixital e o seu poder de redistribución da riqueza en Galicia. No marco da economía social, cooperativas, mutualidades, sociedades laborais, empresas de inserción, centros especiais de emprego de iniciativa social, confrarías de pesca, sociedades agrarias de transformación e outras iniciativas singulares alcanzan a ser unhas 40.000 traballadoras e traballadores que contribúen a unha economía galega máis xusta, solidaria, inclusiva e resiliente achegando case os 7% do PIB da comunidade segundo datos achegados polo Foro Galego pola Economía Social Galega, (FOROESGAL) cuxas demandas así como as plantexadas pola entidade Espazo Coop, facemos propias.

Fortalecer os órganos de participación da economía social

Fortaleceremos os órganos de participación institucional propios da economía social, como son o COGACO e o Consello de Economía Social de Galicia, dotándoos de personalidade xurídica e capacidade para facer efectiva a súa función de cogoberno. Crearemos unha secretaría ou dirección xeral de economía social, en liña co rango que ten a economía social no Goberno de España e noutros gobernos autonómicos.

A economía social dentro da Lei de Participación Institucional de Galicia

Incluíremos o sector da economía social dentro da Lei de Participación Institucional de Galicia, cumprindo, deste xeito, coa recomendación do Consello de Europa de 9 de outubro e promovendo que o sector de economía social se sitúe ao maior nivel de interlocución.

Evitar o instrusismo na economía social

Modificaremos a Lei de Economía Social de Galicia co fin de evitar o intrusismo de entidades que, non cumprindo os principios de economía social, queren incluírse na mesma. Particularmente, destacaremos a vixilancia desde os rexistros competentes en materia de centros especiais de emprego de inserción social sen ánimo de lucro (en adiante, CEEIS) e as empresas de inserción, incrementando a súa capacidade de auditoría e control para evitar un uso fraudulento das fórmulas de economía social. Establecermos criterios diferenciadores nas ordes de axudas, tanto para CEEIS como para empresas de inserción

Reformar a lei de Cooperativas de Galicia

Elaboraremos un novo texto legal, adaptado ás necesidades, demandas e situacións socioeconómicas actuais: tipo de cooperativas, capital social, regulamento, etc. Dotaremos de maior seguridade xurídica e simplificaremos os trámites burocráticos, modernizando o rexistro de cooperativas, axilizando os procesos de creación e facilitando os trámites rexistrais equiparándoos a outros modelos empresariais. Identificaremos as distintas realidades do cooperativismo, para unha regulación eficiente que favoreza a creación, funcionamento e consolidación das cooperativas galegas.

Promoción e visibilización do cooperativismo

Implementaremos accións destinadas ao coñecemento do cooperativismo en centros de ensino e universidades, coa posta en valor dos seus principios e a identificación das súas potencialidades. Fomentaremos, así mesmo, actuacións con axentes prescriptores de emprendemento, creación de procesos participativos e xerar alianzas con outras redes de intervención socioeconómica.

Centro de Innovación e Economía Social

Crearemos un centro de Innovación e Economía Social que execute as accións de desenvolvemento da economía social nos distintos sectores. Este centro conformaríase como coordinador da Rede Eusumo.

Estratexia transversal de Economía Social de Galicia

Integraremos a economía social de Galicia no conxunto de políticas transversais de apoio sectorial á economía como un sector máis, contando con unha estratexia de desenvolvemento de seu. Esta estratexia será transversal ao conxunto do goberno galego e dará resposta aos retos que a economía social ten que desempeñar en sectores como o agroalimentario, os servizos sociais, o sector educativo, o sector cultural, o sector medioambiental e o sector das enerxías renovables, así como contar cunha estratexia de captación de investimentos e fondos, públicos e privados, para o sector.

Mellora e consolidación das empresas de economía social

Crearemos un programa de axudas que permita crear empresas de maior dimensión, mantendo os sinais de identidade de gobernanza da economía social e que sosteñan os seus factores de competitividade no mercado. Este programa contará con liñas de axudas á consolidación empresarial, para a ampliación de mercados a nivel estatal e para o apoio á concentración de empresas.

Programas de apoio ao emprendemento en cooperativismo

Impulsaremos programas de apoio ao emprendemento cooperativo, co recoñecemento das súas características diferenciadoras e a posta en valor do emprego cooperativo societario, con programas de apoio á consolidación e fortalecemento das cooperativas; acompañamento profesionalizado a través das oficinas de atención ao emprendemento de apoio aos procesos de transformación e de dimensionamento de cooperativas, e prescribindo este modelo de emprendemento para impulsar procesos de xestión colectiva de recursos e necesidades da cidadanía (consumo, subministro, vivenda...).

Obxectivos de compra pública responsable

Potenciaremos a contratación reservada, como fórmula principal para fomentar a contratación de persoas con discapacidade e/ou en situación de exclusión social, consolidando o Observatorio de Contratación Reservada de Galicia que analiza a evolución da contratación tanto a nivel local como a nivel autonómico. Potenciaremos en toda a contratación pública as fórmulas que favorecen o acceso ás empresas que sitúan ás persoas no centro (cláusulas sociais, mellora do coñecemento do catálogo de produtos e servizos das entidades no mercado público) potenciando, deste xeito, os ecosistemas locais e mellorando a redistribución da riqueza e a fixación de poboación. Entendendo que a compra pública responsable é en si mesma unha política pública que favorece a consolidación da economía social.

Apoio ao Cooperativismo cultural

Impulsaremos o cooperativismo e a economía social como fórmulas de dignificación e profesionalización do sector cultural galego. A utilización de fórmulas de economía social vén demostrándose como alternativa á economía convencional o que está a garantir un desenvolvemento do sector de industrias culturais forte e xerador de emprego de calidade. Para isto, estableceremos liñas de formación específicas, deseñaremos e implementaremos liñas de emprendemento e consolidación concretas e favoreceremos a súa internacionalización. Nos últimos anos o sector cultural no ámbito da economía social, nomeadamente, coa fórmula cooperativa, foi un dos que amosou maior dinamismo e crecemento sendo capaz de dar respostas ao reto de profesionalización e dignificación que a industria cultural precisaba. Apoiaremos esta dinámica e favoreceremos que empresas culturais da economía social conten cunha ampla proxección tanto no país como fóra das nosas fronteiras, situándose como axentes económicos relevantes que, ao mesmo tempo, favorecen a construción da nosa identidade como pobo.

Apoio ao Cooperativismo de ensino

Recoñeceremos os centros de ensino cooperativos como espazos dunha educación laica, igualitaria e democrática, máis achegados ao ensino público a pesar da súa xestión privada, que ao resto do ensino privado concertado. Axudarémolos na mellora de recursos económicos destinados a persoal e mantemento dos centros, procurando unha equiparación co ensino público e unha homoxeneización nos dereitos do alumnado e o profesorado. Apoiaremos e financiaremos a figura da persoa "liberada cooperativa" de igual forma que noutras comunidades, facilitando deste xeito a capacidade de interlocución do sector coa comunidade educativa e co a administración pública. A presenza do cooperativismo no sector educativo ten unha longa traxectoria caracterizándose por ser centros de xestión participativa e solidaria, propia do cooperativismo, nos que se garante un emprego sostible e co-responsable. Por outra banda, estes centros convértense en promotores e difusores dos valores propios desta fórmula empresarial que fomentan o traballo en equipo o emprendemento e a autoxestión como valor e sempre desde unha perspectiva de democracia directa, igualdade e laicidade.

Cooperación entre empresas da economía social

Promoveremos a colaboración entre as entidades da economía social para solventar as súas dificultades de escala, mediante o estímulo da colaboración entre empresas, o desenvolvemento de ferramentas financeiras adaptadas, o respaldo á educación, a innovación e a internacionalización. Ademais, facilitaremos a entrada de novos membros e a capitalización das organizacións xa existentes.

Cooperativismo e a economía dos coidados

Impulsaremos a creación de cooperativas nos sectores da economía dos coidados como parte dos plans de empregabilidade e transición de modelos de coidados informais a coidados profesionalizados, como estratexia de protección dos dereitos das persoas traballadoras destes ámbitos, así como, a valorización destes traballos esenciais e imprescindibles, cando é un feito que a poboación de idade avanzada ou con algún tipo de discapacidade física ou mental está a aumentar nas nosas comarcas.

Industria e empresa

Apostamos por unha nova forma de entender a política industrial e empresarial co obxectivo de alterar a estrutura da produción en favor dos sectores que ofrezan mellores perspectivas de crecemento económico, mais tamén debemos incorporar consideracións sociais máis amplas, como a vertebración do territorio, a xustiza e benestar social, o reparto da riqueza e a xestión sostible do medio ambiente. Partindo dunhas liñas estratéxicas claras debemos repensar non só o sector manufactureiro, propio das grandes empresas, senón tamén o rural desde a perspectiva da súa propia autoxestión minifundista. Por riba de todo, cara ao aproveitamento de todo o seu potencial xerador de riqueza para o eido industrial tradicional, o seu poder transformador da man da economía social e os proxectos enerxéticos colectivos, entre outras cousas. Galicia ten que avanzar cara a un cambio de modelo produtivo sustentado no sector industrial, gañando peso até situarse ao redor do 20% do noso PIB. Sendo o vector que xere riqueza para fortalecer os servizos públicos, xerando empregos de calidade, sendo á súa vez efecto tractor do resto dos sectores, principalmente do sector servizos. Este obxectivo precisa dunha política, no noso país, que se fundamente na recuperación da soberanía industrial á vez que nunha maior autonomía enerxética.

Minería urbana

Desenvolveremos o Plan ‘Galicia Recupera’ de minería e crearemos un sistema galego de recollida de refugallos electrónicos descentralizado e que se apoie nos puntos limpos municipais e nas plantas de transferencia de Sogama. Abriremos unha liña de axudas públicas para o apoio á modernización e implantación de empresas de recuperación e reciclaxe de materiais, promovendo a extracción secundaria en detrimento da extracción primaria. Estas axudas incluiran facilidades para a implantación destas empresas nas áreas industriais existentes que teñan o espazo e as infraestruturas axeitadas, como nos casos das Pontes ou de Cerceda-Meirama. Tamén impulsaremos outra liña de axudas públicas para apoiar un ecosistema propio de I+D de empresas e centros públicos de investigación no eido da minería urbana. Promovendo a investigación e o desenvolvemento de deseños de produtos que teñan en conta o seu ciclo de vida, así como modelos de reutilización e reparación.

Polo ecoindustrial

Impulsaremos o Plan ‘Galicia Ecoindustrial’ de colaboración público-privada para impulsar un modelo industrial verde innovador, xerador de emprego e produtor de bens que favorezan a transición ecolóxica en Galicia. Neste sentido, incentivaremos a producción de placas solares para cubrir os tellados das vivendas, a fabricación e instalación de sistemas de produción de enerxía renovable, turbinas minihidraulicas, baterías eléctricas, aeroxeradores terrestre e mariños, etc… Procurando emprazamentos como A Mariña, de longa tradición industrial e tomando exemplos como o do biopolo de Santiago.

Rede local e comarcal da promoción industrial

Crearemos unha Rede de Centros Locais e Comarcais de Promoción Industrial con espazos operados polo IGAPE en colaboración coas entidades locais e comarcais galegas. Desde estes centros, identificaremos os sectores industriais chave de cada territorio para centrar as axudas a proxectos industriais nos mesmos. Facilitaremos o acceso ao chan industrial propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en condicións económicas vantaxosas á industria deses sectores. Tamén elaboraremos Plans de choque contra posibles shocks económicos que afecten a esos sectores. Aliñaremos as políticas activas de emprego cas necesidades do

Programa Electoral Sumar - Galicia 2024

Vivenda

  1. Límite do prezo da vivienda Limitaremos de forma efectiva o prezo máximo da vivenda, desde a regulación do prezo do solo sobre o que se constrúen.

  2. Mobilización de baixos comerciais Impulsaremos un plan de choque para mobilizar as plantas baixas en desuso dos edificios das nosas vilas e cidades, activando solucións innovadoras que inclúen a reformulación da oferta comercial e a busca de ideas arquitectónica que dean reposta aos severos impactos sociais e urbanísticos que a situación de abandono provoca.

  3. Vivendas para o estudantado universitario Asinaremos convenios coa Igrexa, en todas as cidades con campus, para a rehabilitación de grandes edificios da súa propiedade para dotalos de prazas de residencia estudantil. Deste xeito, ao tempo que se invisten fondos públicos para a rehabilitación de patrimonio histórico e monumental a recuperación dese investimento de fondos públicos realizarase mediante a cesión a medio prazo á Xunta de Galicia para ter unha bolsa de residencias para estudantes en todas as cidades.

  4. Plan de Rehabilitación de Vivendas para estudantes Poremos en marcha un Plan de Rehabilitación de Vivendas, para o seu destino ao aluguer polo colectivo estudantil. Un plano no que a administración pública subvencione a rehabilitación de vivendas en troques de que estas sexan dedicadas eses 9 ou 10 meses a aluguer para estudantes a uns prezos regulados. Un modelo que ademais permitiría que os meses estivais a vivenda rehabilitada ficase libre.

Mobilidade

Un sistema de mobilidade deseñado con criterio social pretende que as persoas, independentemente do lugar onde residan, da súa idade, capacidade económica, estado físico ou xénero poidan desfrutar en plenitude do seu estado de benestar.

Sumar implantará en Galicia un sistema de transportes público, eficaz e economicamente accesible. Un sistema que instaurará a xustiza espacial e corrixirá os desequilibrios territoriais. Un sistema que favorecerá o desenvolvemento sostible.

  1. Un novo organismo para a mobilidade Instituiremos unha Consellería de Mobilidade a cargo da planificación e a xestión do sistema público de mobilidade de Galicia. Traballará en concorrencia coas administracións con intereses coincidentes.

  2. Unha mobilidade universal Deseñaremos un plan de mobilidade universal, con perspectiva social e unha ben definida estrutura e adecuada intermodalidade, con tarifas bonificadas, progresivas (en función da renda), sostible financeira e socialmente e cun sistema horario amplo. O tren vertebrará o sistema de transporte e aseguraremos a intermodalidade dos diferentes tipos e redes de transporte. As persoas usuarias estarán implicadas a través de procesos participativos na definición do modelo.

  3. Reformulación do sistema ferroviario Reimpulsaremos a rede rexional e racionalizaremos a de media distancia. Isto implicará a mellora do servizo no tramo da Cornixa Cantábrica e nos de Lugo - A Coruña, Valdeorras - Monforte e Pontevedra - Valença. Traballaremos para facer real a conexión en alta velocidade Ferrol - Porto e a axilización da execución do tramo Lugo - Ourense. Estudaremos novas liñas como a da Coruña - Carballo - Corcubión, Lugo - Mariña Lucense ou a liña urbana de Ourense - Polígono de San Cibrao das Viñas.

Intensificaremos os traballos de execución do Corredor Atlántico para o transporte de mercadorías e incluiremos a súa conexión co porto exterior de Ferrol, así como o incentivaremos para o uso empresarial.

  1. Rede ferroviaria autonómica de proximidade Desenvolveremos unha rede ferroviaria de proximidade, de titularidade galega e que permita dar un servizo de mobilidade de proximidade para as persoas traballadoras. Achegaremos os polígonos, as grandes cidades e as áreas residenciais cun sistema económico, moderno e sostible. Esta rede aproveitará parte das infraestruturas xa existentes e en desuso, como o caso das vías do antigo Feve ou outras de Renfe. Desenvolveremos tamén novas infraestruturas para dar unha cobertura integral de transporte de cercanías en intermodalidade a toda Galicia.

  2. Mobilidade metropolitana e comarcal Estableceremos plans locais de mobilidade para conectar as vilas cabeceiras comarcais coas súas áreas de influencia e as grandes cidades coas súas áreas urbanas, para mellorar a cohesión social das comunidades en beneficio do interese común. Prestaremos especial atención á mobilidade nas áreas urbanas, creando consorcios públicos para a xestión única do transporte, acompañado do deseño dun sistema de tranvía-metro lixeiro específico nas áreas de Vigo e A Coruña.

  3. Modelo de mobilidade sostible Aliñados cos requirimentos das axendas ambientalistas globais, impulsaremos políticas de transporte público e políticas urbanísticas de transformación sostible de espazos urbanos. Impulsaremos a peatonalización e a implantación de medios de transporte pouco demandantes de enerxía.

  4. Mobilidade na Galicia baleirada Executaremos de forma urxente e progresiva un plan especial de mobilidade que incluirá a implantación dun sistema ambulante de prestación de servizos públicos e o establecemento dun servizo de transporte baixo demanda nas áreas de menor densidade de poboación. Primaremos os vehículos eléctricos compartidos e implementaremos sistemas de vehículos compartidos impulsados pola propia cidadanía.

  5. Accións innovadoras para a mobilidade do futuro Prorrogaremos de maneira indefinida a bonificación do transporte público e avanzaremos no deseño dun billete único con tarifas sociais e progresivas. Potenciaremos tamén a inescusable coordinación e optimización dos aeroportos de Galicia e crearemos unha plataforma pública galega de coche compartido. Favoreceremos aínda máis o uso do transporte público e a súa intermodalidade por medio dunha aplicación informativa que integre os datos de ferrocarrís e autobuses de toda Galicia e facilite o transporte intermodal.

  6. Mobilidade en bicicleta Poremos en funcionamento un servizo de alugueiro de bicicletas eléctricas en todas as cidades e núcleos urbanos do país. Farémolo en colaboración cos concellos e integraremos na rede os servizos municipais preexistentes, que manterán a súa identidade. O sistema de tarxeta de abono será común a todo o país e permitirá o seu uso en calquera cidade da rede para facilitar a intermodalidade con outros transportes. Deseñaremos unha rede autonómica, en colaboración cos concellos, de carrís bici e puntos de estacionamento de longa duración nos grandes nodos de transporte que, ademais de facilitar a mobilidade urbana e interurbana, favoreza o cicloturismo.

Transición enerxética

Galicia é un país con todas as potencialidades para ser un territorio resiliente que se adapte aos novos escenarios de emerxencia climática. A Galicia pola que traballamos desde Sumar aposta pola transición enerxética, aplicada de forma xusta, responsable e efectiva. Unha transición que non deixe ninguén atrás, que actualice o Pacto Verde Europeo á galega. O noso territorio, de grande riqueza natural, é un gran produtor e transformador de enerxía. O modelo da actual Xunta fai que Galicia estea a sufrir enormes impactos por esta condición e aínda así sexa deficitario en enerxía primaria. É necesario traballar nun modelo que garanta que a produción de enerxía que facemos teña un retorno social que sirva ao reinvestimento propio. Somos conscientes da grande riqueza do territorio galego e da urxente necesidade de cambiar o actual modelo enerxético, para o que apostamos por unha transición xusta que garanta a sostibilidade a partir das seguintes medidas:

  1. Un novo modelo enerxético Traballaremos para a redución do consumo. Apoiarémonos na creación dunha oficina de asesoramento legal e técnico de impulso de medidas de rehabilitación enerxética. Fomentaremos a investigación e ensaio de novas solucións para a mellora da eficiencia enerxética na edificación, nos sistemas de transporte e nos procesos produtivos.

  2. Aforro enerxético na edificación Impulsaremos o aforro enerxético na edificación por ser este o ámbito no que se rexistra un dos maiores consumos de enerxía en Galicia. Para isto, primaremos a rehabilitación e renovación do parque edificado fronte á nova construción e fomentaremos as tecnoloxías sostibles. Introduciremos criterios medioambientais nos impostos existentes, que supoñan un aliciente para a execución de obras de mellora da eficiencia enerxética nas edificacións, sempre primando os sectores máis desfavorecidos.

  3. Oficina para a rehabilitación enerxética Crearemos unha oficina de asesoramento legal e técnico para a implementación de medidas de rehabilitación enerxética. Fomentaremos as estratexias para a construción sostible que reduzan o consumo enerxético nas vivendas mediante o emprego de técnicas pasivas, xa que a enerxía máis limpa é a que non precisa ser producida. Promoveremos a investigación e ensaio de novas solucións para a mellora da eficiencia enerxética nos edificios mediante o incremento de coñecementos e competencias técnicas. Para iso será necesario aumentar a inversión en plans formativos universitarios que traballen sobre a eficiencia enerxética.

  4. Xestión social da axenda verde Impulsaremos un plan de actuacións para a erradicación da pobreza enerxética. Neste sentido, a eficiencia enerxética das vivendas asegurará os mecanismos apropiados para atallar a pobreza enerxética. De igual maneira garantiremos unha dotación mínima de auga potable (60/100L por persoa ao día) e o compromiso de non cortar o seu subministro en casos de impago xustificado socialmente.

  5. Operador público de enerxía renovable Crearemos un operador público de enerxía renovable que liderará a xestión da enerxía en Galicia. Este organismo irá asumindo as concesións hidroeléctricas existentes ao seu remate. Promoveremos a instalación de enerxías renovables (térmica e fotovoltaica) en todos os edificios institucionais.

  6. Enerxía eólica Revisaremos con criterios de sostibilidade social, ambiental e económica o actual modelo eólico para que a implantación dos aeroxeradores non implique a destrución dos nosos hábitats e para poder preservar o noso patrimonio natural, animal e paisaxístico. Apoiaremos a implantación de polígonos eólicos mariños sempre que sexan estritamente necesarios e viables, con estudos de impacto ambiental rigorosos e sempre en zonas que non afecten caladoiros pesqueiros e biodiversidade mariña, con especial coidado con aves migrantes e cetáceos.

  7. Autoconsumo e comunidades enerxéticas Fomentaremos o emponderamento enerxético da cidadanía ao favorecer a creación de cooperativas para a xestión de comunidades enerxéticas locais ou doutros ámbitos e territorios. Isto contribuirá, sen dúbida, a que se democratice a xeración de enerxía e a transición enerxética responsable (o que repercutirá directamente nunha factura eléctrica máis económica). Promoveremos o autoconsumo enerxético e as comunidades enerxéticas mediante asesoramento, bonificacións e retribucións xustas. O autoconsumo e as comunidades enerxéticas serán unha vía preferente no obxectivo de achegármonos á soberanía enerxética de Galicia e á redución da construción de grandes infraestruturas de produción. Apostaremos polo investimento en novas tecnoloxías para o almacenamento enerxético, o que conlevará a creación de postos de emprego.

  8. Novas fontes enerxéticas De cara a completar a transición enerxética, proporemos o desenvolvemento de fontes alternativas de produción como poden ser a minihidráulica con estruturas minimamente invasivas nos leitos de auga; a xeotermal, nas áreas termais galegas; e as centrais de biomasa cos restos forestais de poda ou de rozas de maleza.

  9. Descarbonización e despetrolización Electrificaremos a nosa demanda como medio de abandono dos combustibles fósiles e a enerxía de fontes contaminantes. Buscaremos a electrificación mediante enerxía 100% renovable como obxectivo final. Mediante a enerxía eléctrica, Galicia poderá ser autosuficiente en recursos enerxéticos cando a substitución do petróleo nos medios de transporte e no ámbito doméstico se faga efectiva.

Medio natural e biodiversidade

Debemos entender como sociedade que a natureza proporciona beneficios fundamentais para a vida. A perda de medio natural e biodiversidade ten efectos negativos sobre o noso benestar, afectando a aspectos da relevancia da seguridade alimentaria, a saúde, a vulnerabilidade ante desastres naturais, a seguridade enerxética ou o acceso ao aire e auga limpa. O respecto do medio natural, que permite e vida no planeta e a convivencia e coidado da biodiversidade é clave para garantir un futuro o máis parecido ao actual, no que os cambios da actividade humana se mitiguen. Nesta liña, desenvolveremos políticas que aseguren e combinen a protección e conservación da natureza, o desenvolvemento económico e a protección social coa consolidación e desenvolvemento do estado de benestar no noso país.

  1. Aumento dos espazos protexidos Cambiaremos o histórico déficit de protección dos nosos espazos naturais. Ampliaremos a superficie de cada espazo nun 15%, buscaremos a interconexión entre eles mediante corredores verdes e aumentaremos o seu grado de protección. Os plans de xestión deben ir encamiñados á recuperación dos hábitats orixinarios, en colaboración coas comunidades asentadas nos mesmos, e coa sociedade civil activa e organizada cara unha ordenación territorial enfocada ao territorio multifuncional e ao mantemento das funcións dos ecosistemas.

Nos casos de protección do territorio, a Xunta optará, mediante acordo cos propietarios, facerse coa propiedade do mesmo.

  1. Boas prácticas agroforestais Impulsaremos un catálogo de boas prácticas agroforestais con axudas directas a labregas e labregos a modo de pago por servizos ambientais, como xeito tamén de fixar poboación, con especial axuda a aqueles que utilicen prácticas respectuosas co medio ambiente (agricultura sen pesticidas, rexenerativa, ecoloxica ou gandería extensiva). Abriremos procesos participativos coas Comunidades de Montes e co Sindicato Labrego Galego para propoñer e desenvolver iniciativas necesarias e eficientes de conservación do medio, mediante zonas de protección e uso de arborado autóctono. Orientaremos as axudas da PAC para priorizar e incentivar a conservación da biodiversidade, e as actividades mais respetuosas e sostibles de agrogandería.

  2. Novos parques naturais e ampliación da rede Natura 2000 Crearemos os novos Parques naturais de Ancares-Courel, Carnota-Monte Pindo. Galicia, cun 11,8% da súa superficie protexida baixo a figura europea de espazos da Rede Natura 2000 ampliará a súa superficie ata igualar a media do estado, un 27,5%. En cumprimento cos requirimentos europeos, revisaremos o plan do 2011, presentado pero nunca aprobado pola Xunta de Galicia, e aumentaremos o grao de protección da Rede Natura Galega.

  3. Protección do Mar e da biodiversidade mariña Demandaremos a modificación do POEM das cinco demarcacións mariñas españolas para incluír Zonas de uso prioritario para a protección da biodiversidade e pesca en caladoiros históricos e os principais caladoiros onde traballa a frota, limitando así outros usos con impactos negativos. No caso de Galicia, esta modificación resulta fundamental para evitar o desenvolvemento de instalacións eólicas mariñas nos espazos nos que habitan os principais caladoiros de peixe.

Promoveremos iniciativas que favorezan a recuperación dos bancos de marisco e a recuperación da actividade de marisqueo colaborando co sector para mitigar os problemas que está a causar o cambio climático, asegurando o futuro do sector e das súas traballadoras.

  1. Proteccion dos ríos e humedais Melloraremos de forma integral os ecosistemas fluviais e das Rías. Prevención da contaminación difusa, creación de zonas de protección contra a escorrentía agrícola nas marxes laterais dos ríos, filtros verdes... Fomentarase unha agricultura e gandería respectuosas co medio ambiente e fixaranse controis moi rigorosos sobre as industrias con maior incidencia contaminante no medio acuático. Impulsaremos programas de protección e restauración de humedais e zonas de inundación dos ríos, e de restauración hidrolóxico-forestal das bacías, optando por solucións que minimicen os riscos e afeccións derivadas dos incendios forestais, e que contribúan a regular de forma natural as enchentes e a recarga de acuíferos. Aceleraremos o proxecto de recuperación da lagoa de Antela

  2. Protección dos bosques Daremos protección especial e ampliaremos as masa arbóreas autóctonas como barreira da expansión dos incendios forestais así como a redución das continuidades das especie pirófitas deseñando franxas de prohibición de plantación das mesmas. Desenvolveremos un Plan integral para a formación e estabilización das cuadrillas forestais dotándoas de medios para prever e combater os lumes forestais de xeito eficaz. Impulsaremos unha estratexia integral para substituír as plantacións de eucaliptos por cultivos agrarios e árbores autóctonos seguindo os criterios estratéxicos marcados pola UE, atopando solucións que melloren a precariedade do rural galego

  3. Estratexias medioambientais transversais Revisaremos todas as políticas sectoriais (agricultura, gandería, forestal, urbanismo, etc.) para facelas mais acaidas coas necesidades ambientais actuais, de acordo con novas directivas/leis europeas/estatais de protección ambiental e tendo en conta normas sectoriais que inciden na conservación. O goberno galego garantirá e esixirá a máxima calidade técnica aos Estudos de Impacto Ambiental (EIA), en calquera tipo de proxecto, especialmente os que afectan a solo rústico ou zonas en estado natural.

  4. Axencia de coordinación de catástrofes ambientais Crearemos unha axencia de coordinación de catástrofes medioambientais sobrevidas por mor do cambio climático ou accidentes, que puidera integrar en caso de necesidade todos os medios locais, autonómicos e estatais (protección civil, brigadas, bombeiros, facer de nexo de unión con UME, policía e guardia civil…) coa intención de dotar a axencia de alerta temperá de medios materiais e humanos para actuar de xeito rápido e eficaz.

  5. Investigación medioambiental Contemplaremos dentro da Estratexia galega de I+D+i accións de financiamento para a investigación no campo da protección e recuperación da biodiversidade coas Universidades do SUG e a empresa galega.

  6. Custodia do territorio Poremos en funcionamento a comisión de custodia do territorio como órgano asesor no desenvolvemento de calquera iniciativa. Será o principal garante para a conservación do patrimonio natural e cultural, e no uso sostible dos recursos naturais.

  7. Convivencia e proteccion da fauna autóctona Elaboraremos un novo Plan para a xestión de convivencia co lobo e o Oso Pardo para asegurar a súa conservación e convivencia. Eliminación do lobo como especie cinexética de Galicia. Ademais, dentro da Estratexia Galega de Educación Ambiental, haberá un plan específico de educación ambiental relativo ao lobo e o oso. Así mesmo, definiremos un novo marco que permita axilizar, mellorar e actualizar as compensacións por ataques destes animais.

Revisaremos de xeito participativo o Catálogo de Especies Ameazadas e os seus Plans de Conservación e Recuperación. Aprobación nesta lexislatura dos plans de recuperación e Xestión de especies de animais en perigo ou en recuperación, como o caso do oso pardo e a aguia real e outras menos coñecidas pero igual de importantes como o sapoconcho común ou o arao.

  1. Especies invasoras De xeito progresivo iniciaremos a eliminación de especies exóticas invasoras. Este Plan será dotado economicamente con fondos suficientes para alcanzar eses obxectivos. Tamén se incluirán os espazos protexidos e baixo a Rede Natura 2000, tanto animais como vexetais. No caso das especies invasoras sobre o dominio marítimo terrestre, competencia do Estado, a Xunta demandará que a Demarcación de Costas incorpore nos seus programas todas as medidas necesarias para a erradicación desas especies, incluso contemplar a colaboración coa iniciativa privada.

Emerxencia climática

O cambio climático e o colapso ambiental é un problema potencialmente moi grave e con efectos importantes sobre a estrutura socio-económica galega que afectará ao noso sistema produtivo, ás nosas rías, aos nosos montes, cun esgotamento de recursos naturais que pode afectar á distribución da riqueza. Cómpre, polo tanto, un “novo pacto verde” en base a unha visión galega do territorio e dos recursos. Galicia debe ser un referente en transición ecolóxica afrontando a tripla transición dunha forma xusta e equitativa, sendo consciente de que a Xunta de Galicia ten competencias para poder facelo viable.

  1. Lei Galega do Cambio Climático e Transición Ecolóxica Impulsaremos unha nova Lei Galega de Mitigación, Adaptación ao Cambio Climático e Transición Ecolóxica. Crearemos as condicións que permitan soportar os efectos negativos xerados polo cambio climático a nivel social, económico e ambiental. Esta Lei establecerá metas de redución de emisións do 55 % para 2030 en comparación con 1990 e emisións netas cero para 2040; ademais de metas de redución do consumo de enerxía primaria dun 40 % en 2050; e a meta de que a maioría da enerxía que consumimos sexa producida por fontes renovables.

  2. Investimentos en investigación e resiliencia Estableceremos un marco de colaboración Administración, Empresa e Universidades do SUG e apoio ao I+D+i para favorecer a mitigación dos efectos do cambio climático.

  3. Observatorio do Clima Promoveremos un organismo independente encargado de supervisar e avaliar o progreso en relación aos obxectivos climáticos e de transición enerxética que asesore na promoción de políticas e prácticas efectivas.

  4. Agricultura e gandería mais sostible Preservaremos os sumidoiros de carbono impulsando unha agricultura e gandería que permitan a incorporación de materia orgánica ao chan e que empregue técnicas de produción ecolóxica que minimicen as emisións. Reconsiderar a política forestal galega, incidindo na captura de carbono e buscando solución ao grave problema dos incendios.

  5. Novo pacto verde Deseñaremos un “novo pacto verde” en base a unha visión galega do territorio e dos recursos que permitan asegurar o desenvolvemento equilibrado e sostible do estado de benestar para todas as galegas.

Benestar animal

Desde Sumar Galicia, a protección e o benestar dos animais son unha prioridade. Algúns comparten vivenda con nós, incluso traballos moitas veces, o que os fai pertencentes ao noso núcleo familiar e á nosa vida diaria. A Xunta de Galicia dirixida polo Sr. Rueda, amosou a súa disconformidade polas sancións impostas desde o Goberno central por seren desproporcionadas demostrando que rematar cos malos tratos animais non entra dentro das súas prioridades. Merecemos que en Galicia se coide os animais como se debe e Sumar Galicia traballará para que sexa unha realidade.

  1. Lexislación sobre protección animal Deseñaremos unha nova Lei de protección animal e convivencia responsable baseada na formación da sociedade e na mellora dos medios cos que conta a administración para asegurar o seu cumprimento. Apoiar medidas encamiñadas a aumentar e mellorar os medios actuais para loitar contra o maltrato animal e mellorar a formación do persoal a cargo.

  2. Erradicación dos espectáculos con animais Desenvolveremos un programa de apoio a reconversión de zoolóxicos e prazas de touros. Apoiamos o obxectivo de reintroducir aqueles animais que sexa posible liberar, e a conversión deses espazos en centros de recuperación de fauna e santuarios de animais que non teñen posibilidade de volver ao seu medio natural. Apostamos pola conversión das prazas de touros que aínda quedan activas en espazos públicos de uso lúdico.

  3. Contra o abandono animal Fomentaremos iniciativas que combatan o maltrato e o abandono. Desde Sumar Galicia cremos que a base para a loita está na sensibilización da súa cidadanía. No ano 2021 abandonáronse en Galicia 27.000 animais, e a porcentaxe segue medrando cada ano que pasa. Desde Sumar Galicia cremos que talleres, programas formativos nos colexios e divulgación nos medios de comunicación públicos son clave para erradicar o abandono e o maltrato.

  4. Estratexia Galega de Protección Animal Crearemos unha rede de axudas directas aos Concellos e ás entidades protectoras no seu labor encomiable para o benestar dos animais e para levar a cabo labores de concienciación. Entendemos que o noso deber como administración pública é coñecer as deficiencias do sistema e arranxalas. En Galicia temos infinidade de protectoras de animais que non reciben nin un euro da Xunta ou do seu Concello.

  5. Control das Colonias Felinas Crearemos un programa de apoio económico aos concellos, que pode ser de gran utilidade para axudar as entidades locais e asociacións de protección animal a manter un control responsable dos animais, tanto os recollidos como os da rúa, e mellorar o control das colonias felinas.

  6. Control de especies invasoras Coordinaremos o esforzo a realizar entre as entidades locais e o goberno autonómico para o control das especies invasoras, executando de modo ordenado e sistemático os plans de control e garantindo a súa permanencia no tempo para que sexan eficaces.

  7. Limitacións das actividades cinexéticas Prohibiremos as mal chamadas “competicións de caza de raposo” e “tiro ao pichón”, ou outras similares, e calquera subvención a actividades cinexéticas con fondos públicos. Limitaremos a idade legal a 18 anos para a participación en calquera actividade de caza, incluso a promoción de actividades e visualización de vídeos e documentais onde aparezan imaxes de caza para os menores.

  8. Formación da inspección Formaremos os corpos de seguridade, ou demais corpos encargados de inspección, sobre as condicións dos animais domésticos e gandeiros e a implantación e esixencias da nova lei de benestar animal para que ésta poida levarse a cabo.

  9. Apoio aos Coidados Veterinarios Solicitaremos a baixada do I.V.E veterinario de animais domésticos ao 10% para facilitar o acceso de todas as familias ao axeitado coidado dos seus animais.

  10. Educación contra o maltrato Desenvolveremos medidas sensibilizadoras aproveitando as canles de comunicación públicas, como a TVG e Radio Galega, e con especial interese no desenvolvemento de campañas de finalidade educativa adaptadas aos diferentes niveis escolares e formativos. Non se permitirá a exposición ós menores de idade a actividades que supoñan crueldade ou sufrimento de animais, como as touradas e a caza.

Sostibilidade

Galicia ten unha enorme potencialidade para xerar benestar e riqueza que non debe poñerse en perigo pola inacción dun goberno incapaz de entender a realidade galega e que deixa as decisións estratéxicas en mans de lobbies que só buscan o beneficio económico. Garantir a sostibilidade dos nosos recursos básicos (auga, medio agroforestal e mariño ou a nosa biodiversidade), entender a importancia do noso medio rural e mariño como base para unha seguridade alimentaria, ou ser consciente que Galicia é para as galegas, deben ser as prioridades de calquera Goberno. Nestes momentos de emerxencia climática e situacións xeopolíticas complexas, asegurar o futuro das vindeiras xeracións ten que ser un principio de acción para desenvolver calquera política

  1. Estratexias medioambientais transversais Revisaremos e elaboración de todas as políticas sectoriais (agricultura, gandería, forestal, urbanismo, etc.) para facelas mais acaídas coas necesidades ambientais actuais, acorde con novas directivas/leis europeas/estatais de protección ambiental e tendo en conta normas sectoriais que inciden na conservación. Esixiremos a máxima calidade técnica aos Estudos de Impacto Ambiental (EIA), en calquera tipo de proxecto especialmente os que afectan a solo rústico ou zoas en estado natural.

  2. Xestión pública da Auga Impulsaremos unha nova lei da auga para a protección deste recurso como un patrimonio das comunidades, dos pobos e da humanidade e da natureza, nunca entendida como mercadoría. Impulsaremos o desenvolvemento de mecanismos para a xestión pública do servizo de abastecemento e saneamento de augas. Nesta liña impulsaremos iniciativas de prevención que reduzan o mal uso de auga potable e faciliten o seu tratamento posterior.

Consideraremos os ríos e o litoral como unha parte fundamental da infraestrutura verde de Galicia, para dar continuidade aos espazos libres das cidades e vilas e como un elemento de identidade da súa paisaxe. Buscaremos innovacións en materia de infraestruturas que permitan non só a separación das redes de saneamento pluviais e fecais, senón que manteñan e devolvan a auga aproveitable ao chan e aos acuíferos (asfaltos drenantes, rúas "verdes", ...)

  1. Melloras na xestión da auga Desenvolveremos un plan para a mellora das redes de depuración das augas para protexer os nosos acuíferos. Garantiremos unha dotación mínima (60/100L por persoa ao día) e o compromiso de non cortar o subministro en casos de impago xustificados socialmente. E estableceremos a obrigatoriedade de elaboración, implantación e seguimento de Plans de Xestión Sostible da auga para grandes consumidores.

  2. Saneamento Integral dos Cursos Fluviais e das Rías Levaremos adiante un Plan de saneamento integral de todos os cursos fluviais coordinado co plantexado para as rías que garanta a depuración integral das verteduras urbanas e industriais, preferentemente mediante alternativas de tipo natural, eficiencia integral demostrada e baixo consumo enerxético, e unha atención equilibrada á prevención da contaminación en orixe en relación co tratamento.

  3. Novos Plans de xestión e prevención de Residuos Elaboraremos novos Plans de xestión e prevención de residuos coa base na redución, reutilización e reciclaxe. Implementaremos un Plan de Xestión de Residuos Agrogandeiros e Forestais de Galicia coa colaboración público privada en colaboración co Estado. Tamén deseñaremos novos plans pilotos de xestión de residuos comarcais que aposten por medidas innovadoras que combinen a prevención e o tratamento efectivo dos residuos, non sempre de xeito centralizado, con redución en orixe dos residuos producidos.

  4. Menos residuos e menos pegada de carbono Apostaremos pola compostaxe e recollida separada da materia orgánica. Desenvolveremos un plan para a eliminación dos plásticos dun só uso. Procuraremos unha menor pegada de carbono mediante a redución das distancias no transporte destes, apostando por principios de proximidade. Reforzaremos os servizos dos puntos limpos, ampliando o seu horario e os servizos prestados, para optimizar a recollida selectiva, ampliando a ratio de puntos limpos, de forma que se permita achegar unha infraestrutura estable para o reciclaxe especializado.

  5. Plan de sensibilización para xerar menos residuos Impulsaremos campañas de sensibilización sobre a prevención de residuos e o abandono destes, favorecendo a concienciación ambiental e traballando contra os bulos. Fomentaremos a redución de xeración de residuos no comercio mediante a promoción da venta de produtos a granel e o uso de envases reutilizables.

  6. Revisión do estado do sector da minería Revisaremos a estratexia mineira en Galicia para facela sostible e participativa, asegurando o futuro das zonas onde se desenvolvan este tipo de iniciativas extractivas e afrontando as necesidades que o coidado das nosas rías requiren na avaliación do sector.

Un proxecto de país ambicioso

Autogoberno

Desde o recoñecemento do carácter nacional de Galicia, e a plurinacionalidade do Estado, consideramos que o noso país é un suxeito político que debe ter ferramentas que lle permitan exercer o seu autogoberno con garantías plenas. Para defender a nosa identidade como pobo e para garantir o benestar das persoas que vivimos aquí. Ferramentas que defendan os nosos intereses en todos os estamentos e institucións nas que participemos como país, ben sexan a nivel estatal ou europeo. Apostaremos por avanzar e actualizar o noso autogoberno, aumentando o actual marco competencial conxelado polos anos de goberno do PP.

  1. Un novo Estatuto para o século XXI Tras máis de 40 anos do actual Estatuto de Autonomía, impulsaremos un novo contrato territorial para Galicia, un novo impulso estatutario, que cristalice nunha mellora substancial do noso marco estatutario perfeccionando o marco competencial actual e establecendo unha axenda clara de novas transferencias. Apostaremos pola creación de novos instrumentos financeiros, económicos e sociais de carácter público que contribúan a fortalecer o noso autogoberno.

  2. Novos dereitos sociais e ambientais Nesta nova etapa do autogoverno, recoñeceremos novos dereitos sociais e cidadás, centrados especialmente nos coidados das persoas maiores, nos mozos, nas capacidades diferentes e nas persoas en risco de exclusión. Reforzaremos, tamén, o galego como lingua propia e oficial de Galicia. E ampliaremos o compromiso ambiental de Galicia, cara unha transición enerxética xusta e de firme loita contra o cambio climático, o compromiso feminista e a aposta por unha transición dixital ética e inclusiva como principios transversais do autogoberno de Galicia.

  3. Marco competencial reforzado Reforzaremos o marco competencial, especialmente en materia de ordenación e xestión do litoral, xestión financeira e tributaria, infraestruturas ferroviarias no territorio galego, policía autonómica e xustiza gratuita. Reclamaremos o funcionamento dunha comisión mixta de transferencias con calendario e instrumentos bilaterais nas materias estratéxicas para Galicia. Neste sentido, reclamarmos a transferencia urxente da xestión do Ingreso Mínimo Vital e da AP-9, así como a creación dun marco financeiro estable e suficiente para Galicia.

  4. Acción exterior e autogoberno Manteremos unha posición clara da acción exterior galega no que afecte as nosas competencias, e reforzaremola nas institucións da Unión Europea, na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, nos países con presenza das comunidades galegas e no ámbito da